segunda-feira, 16 de maio de 2016

A serie de Fibonacci na natureza

O número Φ e o ángulo áureo é un patrón oculto nas plantas e podes buscalo coa axuda da web, dun móbil (cámara e aplicacións) e duns papeis impresos recortados. Usa a seguinte presentación para atopalo, segue a Serie de Fibonacci.
Non esquezas aplicar o método científico, o número aúreo non se atopa sempre, hai múltiples excepcións, tan só por medio de certas medicións en patróns regulares seremos quen de atopalo.

terça-feira, 7 de outubro de 2014

Vida singular nos muíños do Xabriña

Este afluente do Tea, con resoancias a xabre (do lat. sabulum), é dicir, calquera substrato areoso, nace e transcorre por zona granítica e así, transporta anbondosos produtos da súa erosión e lavado: a area e o grixo. Non parece moi aventurado* apuntar a orixe do nome como no latín sabulina, é dicir, unha entidade que nace, é propia ou está sobre a area, en feminino por referirse, quizais, á auga do río. Acértese ou non, vaia isto para recordar a litoloxía  deste terreo: granítica, con solos silíceos, ácidos, algo habitual en todo o occidente galego, especialmente na parte sur. A auga corre rápida pendente abaixo atravesando as fallas que elevaron a Dorsal galega no seu extremo meridional, na cara oeste, de maior pluviosidade e activa erosión, que acelera a formación de areas e lavado das arxilas, que poden quedar depositadas máis abaixo. A falta de nutrientes na auga, o fresco nas zonas das súas nacentes e sobre todo a elevada corrente, dan augas moi cristalinas e con osíxeno.

Asemade, o patrimonio etnográfico-natural de Paraños e o río Xabriña atraeunos a un grupiño vencellado ao instituto (ANPA, nenos, profesores e amigos), que decidimos facer a primeira saída ao campo do curso o pasado sábado 4 de outubro, que puidemos coñecer mellor grazas a dous guías locais que non escatimaron en explicacións, e percorrer parte dunha ruta fluvial pola zona. Para maior detalle desta excursión, ver o blog de normalización do instituto.

Figura 1: Rodicio enferruxado,
amosando as penas e sobre as pedras
cheas de terra, o "ouro dos mouros"
(setembro de 2012).
Pero é misión destas páxinas dedicarnos á atenta observación da natureza para aprender dela, así que hoxe escollemos agochado lugar en busca de duendes ou mouros... Que observamos ao mirar no interior do inferno dalgúns dos muíños abandoados do río Xabriña? Un rodicio de ferro, coas súas pás ou penas, poida que auga, pedras, terra areosa, area, e escuridade... excepto algún, especialmente enxoito, que baixo certo ángulo sorpréndenos cun destello amarelo verdoso: o "ouro dos mouros".

Este ouro verdecente para os ollos dalgún cobizoso, faralle pensar que sofreu algún feitizo ao sacalo da escuridade, pois soamente atopa nas súas mans unhas minúsculas follas verdes sen brillo e manchadas de terra. Esas follas son brións ou musgos. Se aplicamos a lupa e lanterna a algún deles, mellor sen arrincalo, por ser moi delicado e estragarse pronto no aire seco, veremos que sobre un manto granulado verde-amarelo luminoso, érgense pequenas plumas (gal. antigo: pena, lat. penna) dun verde non fluorescente, pero unha imaxe vale máis que mil palabras:



Figura 2: Fotografía macro da Schistostega pennata tomada durante a excursión dentro do inferno do muíño. Nela aprézase a forma de "penas" ou plumas dos adultos, verde non amarelado.

segunda-feira, 26 de maio de 2014

Macroinvertebrados do río Tea

Hoxe, os alumnos de 1º de ESO varios dos seus profes presentes e futuros, puidemos aprender outro ano sobre a diversidade do río á altura de Mondariz, na praia do Vao, facendo fotografías aos macroinvertebrados, sobre todo larvas de insectos, que atopamos coa axuda dun ganapán. Estes son:

MOSCAS EFÉMERAS
- BAETIDAE:
Os máis abondosos, de pequeno tamaño, detritívoros.

- HEPTAGENIIDAE: